15 agosto 2012

Día 7: Salem


Até hoxe todas as visitas foran en Tiruchy, quer na oficina de PDI, quer nalgunha casa nos suburbios. Hoxe (13/08/2012) saímos cedo para a nosa primeira visita directamente relacionada co infanticidio feminino. Tras catro horas de autobús, chegamos a Salem, onde PDI leva a cabo dous proxectos relacionados coa prevención da sida e co infanticidio, auspiciados pola Fundación Bill e Melinda Gates e Implicadas no Desenvolvemento, respectivamente. 

Nas oficinas de PDI recibíronnos varios grupos, cos que tivemos tres sesións: primeiro, coas traballadoras do Programa de Eradicación do Infanticidio Feminino, despois coas beneficiarias (mais e fillas) dos programas de axuda mutua e de xeración de renda e, finalmente, con beneficiarias que deron unha filla en adopción. Ter un fillo varón é causa de prestixio social e cando unha parella tivo dúas ou máis fillas existe a posibilidade que rexeiten unha nova nena, de aí o risco de infanticidio ou adopción ilegal.

O persoal de PDI (8 traballadoras de rúa, 2 asesoras e 1 coordinadora), co apoio de  Implicadas no Desenvolvemento, traballa na prevención do problema e na redución do infanticidio e feticidio femininos mediante metodoloxías como: diálogo e a comunicación interpersoal coas mulleres e familias en situación de risco, tanto antes como despois do parto, para conseguir sensibilización en cuestión de xénero e para asesoralas e informalas sobre as alternativas que teñen antes de recorrer ao infanticidio, das que na maioría dos casos non son conscientes pola falta de información; actividades de capacitación laboral e grupos de aforro para propiciar o empoderamento social e económico das mulleres da comunidade; a creación de clubes de xénero mixtos de adolescentes para promover a igualdade entre mozos e mozas; ou teatro de rúa para sensibilizar a comunidade en xeral sobre temas como a igualdade de xénero ou os matrimonios precoces (casan a partir dos 13 anos). De feito o ano pasado Luís Tosar participou como formador teatral voluntario para montar unha peza de teatro, que traballase sobre esta problemática.

O Centro de Apoio a Mulleres conta con dúas voluntarias que dan asesoramento e educación legais sobre problemas que as mulleres conciben como algo normal: violencia de xénero, privación do dereito á propiedade, etc. O goberno tamén dispón de programas para frear o infanticidio e o feticidio femininos, como unha conta no banco con unha dotación que a nena poderá cobrar no momento de ir á universidade, planificación familiar gratuita, fogares de adopción (berces) no caso de que a familia non chegue a aceptar a nena, etc. 

En definitiva, o obxectivo é eliminar o risco de infanticidio ou feticidio femininos, ou sexa, conseguir a aceptación da nena por parte da familia (e, cando esta non é posíbel, a adopción legal).  O resultado de todo este traballo é cuantificábel: en 2007 había 827 nenas menores de 6 anos por cada 1000 nenos, ao paso que en 2011 o número de nenas era de 972. 

Foron unhas sesións moi longas, nas que tivemos oportunidade de facer moitas preguntas sobre as súas vivencias, e de entendermos moitas cousas. A todas nos resultou moi emotivo escoitar das beneficiarias como o programa lles dera moito apoio emocional e confianza en si mesmas, xa que as traballadoras moitas veces son as únicas persoas da súa contorna que se preocupan de escoitalas e de velar pola súa saúde, a súa nutrición, e os seus coidados durante a gravidez. 

Finalmente tamén coñecemos o persoal do segundo proxecto (non financiado por  Implicadas no Desenvolvemento, pero tamén moi interesante), dirixido á prevención de doenzas de transmisión sexual (principalmente o VIH) na comunidade gai e transxénero e a aumentar a calidade de vida en xeral e a autoestima deste colectivo. A homosexualidade non só non é aceptada socialmente na India senón que ademais é delito, polo que os gais son vítimas de estigma e discriminación social, educativa e laboral, polo que moitas veces a prostitución é a única alternativa que teñen á mendicidade. De novo, a metodoloxía é, após a identificación das persoas albo, a comunicación interpersoal para informar e motivar para que se sometan a análises e tratamentos na clínica de PDI, a distribución gratuíta de preservativos, etc. 

Chocounos a diferente concepción sobre cuestións de identidade que teñen os gais que coñecemos: identificábanse coa categoria/denominación de “transxénero” (máis pretixiosa para eles que “gai”) e mesmo, segundo puidemos entender, identificábanse co sexo feminino polo feito de (ou para poder) manter relacións con outros homes. De feito, parte do labor do proxecto é incidir na distinción entre identifidade de xénero e orientación sexual, e facer que entendan que non teñen que deixar de ser homes polo feito de manter relacións con outro home.

Vanakkam!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Vivide intensamente a realidade na que vos atopades e saboreade todo o que vos propón esa terra e esas xentes!!!

Moita forza e enerxía para tod@s!!!

Carlos.

Manuel Souto Pico dijo...

http://blogs.publico.es/puntoyseguido/617/si-ahorcasen-a-todos-los-violadores/