Hoxe
dedicamos o día a coñecer os proxectos que está a levar a a cabo PDI coas nenas
e nenos nos diferentes suburbios da comarca.
Na
primeira visita coñecemos a escola de tránsito para nenas e nenos traballadoras/es.
Esta escola está a ser unha oportunidade para as crianzas que se vían obrigadas
a traballar, xa dende moi novas, para axudar á economía familiar. Isto supón
unha oportunidade xa que os apoian para que solventen os déficits que
presentaban por este motivo, podendo con posterioridade acceder á escola
normalizada. Contáronnos que ademais da formación nas diferentes materias tiñan
actividades como a danza e o canto, coas que nos deleitaron: unha das nenas
bailou para nos una fermosa danza o estilo cine Tamil Nadu. Unha de nós
foi agasallada por Alex con un debuxo feito por el. Deixamos a escola emocionadas polas vivencias
destas nenas e nenos e pola súa alegría e esperanza no futuro que nos
transmitiron.
Á volta
a casa paramos na casa dunha muller emprendedora que elaboraba e comercializaba
produtos de hixiene feminina. Puidemos mercar de novo: xabóns, incensos,
especias… para quen serán? A muller ensinounos o seu fogar e tratounos de novo
con moita hospitalidade, como xa nos teñen acostumados.
Despois
dunha exquisita comida elaborada por Bobi e Sagayaraj, na que ademais da
acostumada comida india se incluían patacas fritas para que nos sentísemos como
en casa. Como sempre agradándonos! Partimos para outra escola, neste caso tratábase
dunha escola de apoio gratuíta, á que acoden as nenas e nenos do suburbio. Rodeadas
de intensas miradas infantís, escoitamos os emocionados relatos nos que nos
contaban cal era a profesión que queren desempeñar de maiores: científica, enfermeira,
policía, representante do distrito, político… Foi impresionante a súa madurez
para recoñecer as dificultades coas que conta a súa familia e a súa implicación
para mellorar esta situación.
Destaca
o labor da mestra que cun alumnado de trinta e cinco nenas/os de diferentes
idades consegue acadar importantes obxectivos, ademais de telas/os
encantadas/os.
Acompañadas
de Bobi, seguimos vagando polas rúas e comprando algún que outro agasallo.
VANAKKAM!

1 comentario:
Como me gustan as vosas crónicas e cantos bos recordos me traen¡¡.
Disfrutade desa terra que estimula todos os sentidos e tamén da hospitalidade das súas xentes.
Bicos para tod@s.
Publicar un comentario en la entrada