Comezamos o día cun gran almorzo cortesía de
Sagayaraj que nos deu a forza e a enerxía para afrontar a mañá cunha reunión coas
e cos voluntarias/os de xénero. A
quedada foi na oficina de PDI. Despois dunha breve presentación comezamos a
indagar no labor que desempeñan: mediación en diferentes conflitos no ámbito
familiar. Acudiron tamén dous homes que realizan este labor, ofrecendo así un
modelo de conduta cara ao resto da comunidade, aínda que o máis novo, no seu comezo,
foi obxecto dalgunha que outra burla por parte dos seus iguais. Ao mesmo tempo,
mostraban moita curiosidade acerca da nosa forma de vida e da nosa percepción do
mundo, facendo preguntas acerca de se tiñamos algún prexuízo cara á poboación
musulmá, como vivían no noso país, e algunha outra, xa que as mulleres non eran
quen de identificar se estábamos casadas ou non, e isto presentáballes dúbidas.
Todo isto coas dificultades propias dunha dobre tradución con intérpretes, polo
que coidamos que se quedaron moitas cousas no camiño.
Chegada a hora do xantar, no que seguimos o
ritual propio da India, sentados no chan, comendo coas mans e descalzos, xa que
se considera de mala educación comer calzado. Como non, no menú non podían
faltar nin o arroz nin ese gusto polo picante tan propio da cultura culinaria
do país.
Entre os bucinazos das motos, os rickshaws (especie de moto-taxi),
as bicicletas e demais vehículos, dirixímonos dentro dun caos organizado cara
ao suburbio onde nos esperaban un grupo de voluntarias/os de xénero para seguir
profundando no tema. Deste encontro
destacamos a continuación do traballo
realizado neste suburbio, no que so se interveu entre 2003 e 2007. Dende ese
ano os grupos seguiron funcionando proporcionando continuidade e ganas de
mellorar.
Un punto destacable das dúas reunións do día
é a facilidade destas comunidades para lograr resultados positivos e cambios a
moi curto prazo, algo impensable na Galiza.
Finalmente fomos a casa dunha empresaria
local que fai incenso. Alí ensinounos o proceso de elaboración e puidemos
mercar o produto. Quen recibirá este agasallo?
No hay comentarios:
Publicar un comentario en la entrada