O impacto da chegada á India foi diferente
en cada unha, pero todas sentimos a emoción de vernos xa aquí e observar as
cores, os ruídos, as xentes, os sabores, o caos… unha explosión para os
sentidos.
No noso primeiro día de contacto co
persoal da organización PDI, coñecemos a
maioría das que forman parte do Proxecto de Empoderamento de Mulleres. A
xuntanza foi nas nas propias oficinas, coñecemos as persoas traballadoras e
responsables dos diferentes proxectos, e brevemente nos contaron en que
consiste o seu traballo, todo de campo, e con total claridade o labor feito.
En todos os proxectos sorprendeunos a
claridade nos obxectivos e accións levadas a cabo tanto a curto, medio coma
longo prazo. Outro dos datos que resaltamos é coñecer como nun dos traballos estase
logrando a redución brutal de casos de transmisión de VIH en mulleres
embarazadas, sendo fai anos Támil Nadu a zona onde mais transmisións había e
agora despois do labor feito, pasou a estar xa no cuarto lugar de toda a India
en número de transmisións.
Pola tarde, tivemos a posibilidade de
visitar in situ tres grupos de aforro.
Co primeiro grupo asistimos á reunión ordinaria
que facían, onde vimos como se concederon dous créditos a mulleres. Vimos o seu
funcionamento, a ríxida xestión, o bo clima do grupo, e como algunhas delas
resaltaban que desde que están no grupo de aforro fan cousas que non facían
antes: saír da casa, ir ao banco, xestionar elas mesmas os cartos que
solicitan, e participar e xestionar así activamente a economía familiar.
Na xuntanza cos seguinte dous grupos, cando
nos estaban contando o funcionamento e as características de cada un, desatouse unha
choiva que a todas nos levou a pensar que sentimos o monzón!, aínda que varias
das mulleres nos contaron que estaban moi contentas porque levaban moito tempo
de seca e que nós lles leváramos a choiva coa nosa visita!
En definitiva despois deste primeiro
contacto con PDI e as persoas traballadoras e usuarias quedámonos co fabuloso
trato, o coidado e o mimo co que nos tratan, coa súa hospitalidade constante e
o incrible traballo que se se está a facer.
E sobre a comida, algunhas están encantadas
co picante e as especies, e outras intentámolo…
VANAKKAM!!!!!
3 comentarios:
disfrutade moito con cada sentido, esa viaxe estará en vós sempre!
un bico!
Como me gustaría estar alá con vós! Sacádelle o máximo partido a esa experiencia tan fermosa!
Esta viaxe formativa foi unha das mellores experiencias da miña vida, e seguro que tamén a será da vosa. Aproveitádea todo o que poidades! Gracias a Tamil Nadu e a toda a súa xente por ensinarme tanto.
María
Publicar un comentario en la entrada